top of page

Sesión informativa do proxecto de cooperación "Paisaxes Intelixentes"




Vimianzo, 30 de marzo de 2023


O pasado martes, 28 de marzo, nas dependencias do CPR "EFA Fonteboa", levouse a cabo unha sesión informativa con horticultores do territorio sobre o proxecto de cooperación "Paisaxes Intelixentes", no que o GDR Costa da Morte participa xunto con outros 4 GDRs galegos: Asociación de Desenvolvemento Ribeira Sacra - Courel; Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes; Asociación de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela e Asociación de Desenvolvemento Local Deloa.

Neste acto os xerentes dos GDRs de Costa da Morte e da Comarca de Ordes fixeron unha presentación dos obxectivos e principais accións a levar a cabo co proxecto, entre os que destacan: o fomento da planificación participativa para xerar iniciativas piloto de paisaxes intelixentes nos territorios participantes; impulsar canles e metodoloxía de planificación territorial; valorar as posibilidades dos distintos territorios para activar novas iniciativas que contribúan á recuperación da paisaxe; aportar coñecemento e concretar posibilidades das distintas zonas piloto; estudiar posibilidades de comercialización de produtos; formación e impulso ao cooperativismo e impulsar a transición enerxética.

Así mesmo, informaron aos produtores de horta que asistiron á xuntanza sobre a primeira actividade que se está a poñer en marcha co proxecto, dirixida ao desenvolvemento de parcelas experimentais de distintas variedades de produtos de horta: tomates (Avoa de Osedo; Taller de Lubre; Negro de Santiago); pementos (Guláns e Entenza); Berza Riza e Repolo de Bergantiños.

O principal obxectivo desta reunión foi realizar unha primeira toma de contacto con agricultores dos territorios de Costa da Morte e Ordes para determinar o interese dos asistentes en participar no proxecto poñendo en marcha parcelas experimentais coas variedades indicadas.

Esta actividade enmarcada dentro do proxecto, contará coa colaboración da EFA Fonteboa, cuxos técnicos serán os encargados da preparación das plantas e do seguemento e supervisión dos campos experimentais e asesoramento a produtores.

 

> Departamento de comunicación do GDR Costa da Morte

Para máis información:

- 981 71 73 58 (Centraliña) - www.gdrcostadamorte.com -Twitter: @GDRCostadamorte - gdrcostadamorte.wordpress.com - Tamén podes visitar a nosa páxina en Facebook


Entradas destacadas
Entradas recientes
Archivo
Buscar por tags
Síguenos
  • Facebook Basic Square
  • Twitter Basic Square
  • Google+ Basic Square
bottom of page