O GDR Costa da Morte impulsa a participación do territorio para avanzar na consolidación da Vía Mariana Luso Galaica
Vimianzo, 10 de outubro de 2026

O pasado mércores 7 de outubro, o Centro Sociocultural de Baio (Zas), acolleu un encontro territorial organizado polo GDR, no que se analizaron as necesidades, fortalezas e oportunidades de futuro e deron a coñecer os novos recursos dixitais do proxecto de cooperación intraterritorial “Vía Mariana Luso Galaica”, desenvolvido ao abeiro da execución da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do programa Leader. Trátase dunha iniciativa que busca recuperar e poñer en valor o patrimonio natural, cultural e espiritual ligado a este itinerario e contribuír á dinamización dos territorios polos que discorre.
A xornada reuniu representantes institucionais, entidades sociais, empresas e persoas vinculadas á Vía Mariana, co obxectivo de compartir os avances do proxecto e, ao mesmo tempo, recoller as achegas do territorio sobre as súas necesidades, retos e oportunidades.
Durante o encontro presentáronse os principais obxectivos do proxecto e as novas ferramentas dixitais que se están a desenvolver para facilitar o coñecemento e a difusión da Vía Mariana, entre elas unha nova páxina web e un visor de recursos xeorreferenciados, que permitirán mellorar o acceso á información sobre o trazado, as súas etapas e os recursos patrimoniais e naturais vinculados á ruta.
A xornada incluíu tamén unha dinámica participativa na que as persoas asistentes analizaron diferentes aspectos relacionados co desenvolvemento da Vía Mariana, como as infraestruturas e a sinalización, os recursos patrimoniais e naturais, os servizos e o aloxamento, a cooperación territorial e a promoción e dixitalización.
No territorio da Costa da Morte destaca especialmente o predominio de camiños naturais, pistas de terra e vías tradicionais, así como a riqueza do patrimonio mariano, etnográfico e paisaxístico. Entre os recursos sinalados destaca o Santuario da Virxe da Barca en Muxía, xunto con outros templos, cruceiros, pazos, carballeiras e elementos do patrimonio inmaterial vinculados ás tradicións e romarías da zona.
Ao mesmo tempo, identificáronse necesidades relacionadas coa limpeza e mantemento do trazado, a mellora da sinalización e o acondicionamento de determinados puntos afectados por encharcamentos, especialmente en épocas de choiva. Tamén se puxo de manifesto a importancia de reforzar a promoción da Vía Mariana entre a propia poboación e o tecido empresarial local, para favorecer a súa implicación e contribuír á creación e consolidación de servizos vinculados ao itinerario.
O proxecto Vía Mariana Luso Galaica, impulsado por varios Grupos de Desenvolvemento Rural en colaboración coa Asociación da Vía Mariana Luso Galaica, ten entre os seus obxectivos consolidar a ruta como un camiño de referencia para conectar os santuarios marianos de Portugal e Galicia, fortalecer unha rede de axentes vinculados ao seu desenvolvemento e favorecer a dinamización socioeconómica local.
O encontro celebrado en Baio forma parte do proceso de participación e cooperación posto en marcha para que a evolución da Vía Mariana responda ás necesidades de cada territorio e conte coa implicación dos diferentes axentes vinculados á súa promoción e desenvolvemento.
> Departamento de comunicación do GDR Costa da Morte
Para máis información:
- 981 71 73 58 (Centraliña)
-Twitter: @GDRCostadamorte
- Tamén podes visitar a nosa páxina en Facebook





















Comentarios