A Costa da Morte busca recoñecer o talento das súas empresas cos I Premios Costa da Morte Terra Atlántica
Vimianzo, 24 de novembro de 2026
A votación popular permanecerá aberta ata o venres 27 de novembro ás 23:59 horas a través da plataforma premios.terratlantica.gal
Os I Premios Costa da Morte Terra Atlántica entran na súa fase final coa participación de 16 empresas de distintos sectores económicos da comarca. A cidadanía poderá votar polas candidaturas ata o venres 27 de novembro, ás 23:59 horas, a través da web oficial de Terra Atlántica.
A iniciativa, promovida polo GDR Costa da Morte, pretende recoñecer o traballo das empresas adheridas á marca Costa da Morte Terra Atlántica e a súa contribución ao desenvolvemento económico e social do territorio.
Nesta primeira edición establécense catro categorías: Turismo, Agroalimentación, Cultura e Artesanía, e Industria e Servizos.
A votación está aberta a través da web oficial dos premios. Cada participante poderá seleccionar unha candidatura por categoría, ata un máximo de catro votos.
Para validar a participación será necesario facilitar un enderezo de correo electrónico e confirmar os votos mediante a mensaxe recibida nesa conta.
A decisión final para establecer os gañadores de cada categoría combinará a valoración do xurado, cun peso do 70 %, e a votación popular, que representará o 30 % restante.
Desde a organización anímase á cidadanía a participar e compartir a iniciativa para que o maior número posible de persoas poida coñecer o traballo das empresas finalistas e contribuír a recoñecer o talento empresarial da Costa da Morte.






















Comentarios