CaixaBank e o GDR Costa da Morte premian a catro iniciativas no programa “Tierra de Oportunidades - 2026”
- 23 jun
- 2 min de lectura
Vimianzo 23 de xuño de 2026
O GDR Costa da Morte e CaixaBank resolveron a convocatoria de emprendemento rural "Tierra de Oportunidades" coa selección de catro iniciativas situadas nas localidades de Carnota, Coristanco, Baíñas (Vimianzo) e Mazaricos. Cada unha delas recibirá unha axuda de 1.000 euros, ademais de incorporarse á fase nacional do programa "Tierra de Oportunidades" de CaixaBank.
Os proxectos gañadores foron seleccionados por un xurado integrado por membros do GDR e de CaixaBank. As iniciativas foron escollidas entre as candidaturas presentadas segundo criterios de capacidade de crecemento e xeración de emprego, innovación e impacto no territorio.
Os proxectos son os seguintes:
• Lyra (Resurgo, S.L.), en Carnota. Startup tecnolóxica que desenvolve produtos dixitais baseados en intelixencia artificial, destacada pola súa aposta pola innovación no medio rural.
• Centro de Día Nicoli (Centro de Día Nicoli, S.L.), en Coristanco. Centro de día para persoas maiores e dependentes nun núcleo rural, recoñecido polo seu impacto social e pola creación de emprego.
• Ana Trasariz (Ana María Antelo Quintáns), en Baíñas (Vimianzo). Marca artesanal sostible que combina deseño contemporáneo e tradición téxtil galega, valorada pola súa implicación e arraigamento territorial.
• Air Fervenza (Aero Servicios T&J, S.L.), en Mazaricos. Aloxamento turístico singular orientado a experiencias vinculadas á natureza e ao territorio, premiado pola súa viabilidade e sustentabilidade.
O reto de "Tierra de Oportunidades"
Os catro premiados uniranse a máis de 220 emprendedores de todo o territorio nacional no concurso formativo "El reto de Tierra de Oportunidades" de CaixaBank, organizado en colaboración coa empresa social Rural Talent.
Nesta fase, os emprendedores traballarán en diferentes retos que lles axudarán a redeseñar as súas estratexias e dar visibilidade á súa iniciativa, ademais de ter a posibilidade de acceder a novos premios, mentorías personalizadas e outras oportunidades para dar a coñecer o seu negocio.
O programa Terra de Oportunidades está impulsado por CaixaBank para reforzar o seu compromiso cos contornos rurais a través da colaboración cos Grupos de Desenvolvemento Rural.
A entrega dos premios está prevista para o vindeiro sábado, 27 de xuño de 2026, no Centro Sociocultural de Baio (Zas), ás 11:45 horas, coincidindo coa Asemblea Xeral Ordinaria do GDR Costa da Morte.






















Comentarios