FICHA DESCRITIVA DO GDR
DESCRICIÓN DA ENTIDADE
O Grupo de Desenvolvemento Rural denominado “Asociación Costa da Morte – GDR” é unha asociación sen ánimo de lucro creada para integrar e representar aos diferentes axentes territoriais, institucionais, sociais e económicos, tanto públicos como privados, interesados en promover o desenvolvemento deste territorio, así como contribuír ao desenvolvemento sostible das zonas rurais na Costa da Morte mediante a implementación de proxectos e iniciativas que promovan o crecemento económico, social e mellora ambiental.
A asociación foi creada no ano 2008 e está inscrita no rexistro de asociacións desde o 23 de decembro de 2009.
O ámbito de actuación do Grupo está composto por 17 municipios localizados na provincia da Coruña: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.
A Asociación Costa da Morte – GDR ten 85 socios tanto públicos como privados con arraigamento no territorio de actuación. Se temos en conta que cada asociado (sen contar os concellos) ten á súa vez bastantes socios, se os sumamos todos, está a abarcarse unha poboación que pode superar as 11.300 persoas e se temos en conta os concellos a cantidade é moito maior (112.363 habitantes.
ACTIVIDADE PRINCIPAL E OBXECTIVOS
As nosas competencias abarcan desde a xestión de axudas do Programa LEADER ata a promoción e divulgación do noso territorio. Informamos e asesoramos á poboación rural sobre as actividades enmarcadas nos programas de desenvolvemento rural e incentivamos á participación activa nos mesmos, ademais de promover e captar iniciativas acompañando aos promotores no proceso de maduración dos proxectos.
Tratamos de identificar e promover actuacións que impulsen o desenvolvemento rural do ámbito de actuación da asociación, incluíndo iniciativas en todos os sectores de actividade, apoiando proxectos innovadores e sostibles localizados no medio rural co obxecto de mellorar a calidade de vida e fortalecer a economía local, fomentando a creación de emprego e a diversificación de actividades.
Outra vertente do noso traballo é dar a coñecer os valiosos recursos e o gran patrimonio destas terras, desde o turismo, a gastronomía, o patrimonio inmaterial, artístico, arqueolóxico ou natural.
PROXECTOS DE COOPERACIÓN
A cooperación é un dos principios do enfoque LEADER no que traballan tamén os Grupos de Desenvolvemento Rural, cooperando con outros Grupos co fin de desenvolver proxectos con obxectivos comúns para mellorar o potencial dos territorios.
O GDR Costa da Morte participou en varios proxectos de cooperación relacionados coas temáticas de promoción de produtos locais e as canles curtas de comercialización. Entre estes proxectos destacamos a participación nos dous que se citan a continuación:
• Proxecto “Nuevos Horizontes” (2010-2013).- Este proxecto estaba centrado principalmente en identificar e avaliar as producións tradicionais e/ou novos cultivos con potencial en cada territorio para estudar tamén posibles vías de comercialización deses cultivos, así como fomentar a incorporación á actividade agraria de mulleres, novas, desempregados así como colectivos en risco de exclusión.
• Proxecto “Paisaxes Intelixentes” (2022-2023).- Os obxectivos principais deste proxecto centrábanse en: impulsar iniciativas de produción forestal e agroforestal para aproveitamento das masas improdutivas; recuperar variedades autóctonas de cultivos vexetais e introdución de novos cultivos que permitisen a posta en valor de terras abandonadas ou infrautilizadas; realización de accións formativas relacionadas co desenvolvemento de proxectos agrogandeiros e/ou forestais; poñer en valor os produtos agroalimentarios locais a través de circuítos curtos de comercialización.
ACTIVIDADES ENTORNO Á PROMOCIÓN DUNHA ALIMENTACIÓN SOSTIBLE
Desde o GDR impulsáronse e/ou participouse en proxectos relacionados co desenvolvemento de actividades que promoven tanto a alimentación sostible como a potenciación de producións agroalimentarias ecolóxicas e/ou de proximidade, impulsando así mesmo a educación nunha nutrición saudable e as canles curtas de comercialización de produtos do territorio.
Para a planificación de actividades dentro da nova programación LEADER para os próximos anos, entre os obxectivos recolleitos no Plan de Acción da EDLP 23-27 inclúense, entre outras, actuacións dirixidas a promover unha alimentación saudable e de calidade diferencial preservando a biodiversidade e as prácticas sostibles no medio rural.
Trátase de promover un cambio de modelo produtivo, na que a agricultura ecolóxica está chamada a xogar un papel fundamental. Os cambios nas tendencias dos consumidores, que esixen non só calidade de produto, senón tamén seguridade alimentaria e sustentabilidade do medio, están a potenciar a demanda de produtos con selo ecolóxico e convertendo ás producións agrícolas e gandeiras ecolóxicas nunha alternativa rendible para as explotacións do territorio.
Nesta liña traballouse tamén no marco do programa LEADER 2014-2020 a través da posta en marcha de varias actuacións e a participación en proxectos de cooperación dirixidos a estes obxectivos.
En concreto desenvolvéronse varias actuacións de dinamización e promoción territorial relacionados directamente coa alimentación sostible e a nutrición saudable a través de circuítos curtos de comercialización.
Desta forma, viñéronse desenvolvendo actividades desde xaneiro de 2020 en varias actuacións distintas pero conectadas entre si (un expediente por anualidade), desenvoltos en colaboración cos comedores dalgúns centros escolares e produtores do territorio.
Obxectivos principais:
-
Informar sobre nutrición saudable.
-
Impulsar/ motivar a implantación e inclusión dos produtos locais nos comedores escolares.
-
Optimizar as accións de promoción e sensibilización para conseguir un compromiso dos produtores e dos colexios.
Basicamente trátase da realización de xornadas e actividades dirixidas á promoción e sensibilización de produtores/as e cociñeiros/as escolares co obxectivo de promover a xeración dun circuíto curto e unha estratexia de menús con propostas de pratos para favorecer un modelo máis saudable e sostible con alimentos de proximidade e/ou ecolóxicos.
Actualmente preténdese dar continuidade ao proxecto no territorio do GDR, intentando que esta iniciativa se poda extrapolar tamén a outras zonas de Galicia e a outras zonas do Estado español.
DESCARGAS:
o Noso traballo
Ponte en contacto con nós para que podamos empezar a traballar xuntos.