top of page

Paisaxes Intelixentes: Entrega de plantóns de repolo de Bergantiños a produtores locais




Vimianzo, 19 de xullo de 2023


Nun esforzo por preservar e revitalizar as variedades tradicionais de produtos agrarios no marco do proxecto de Cooperación “Paisaxes Intelixentes”; o pasado luns, 17 de xullo, o GDR Costa da Morte, asinou sendos convenios de colaboración con varios produtores de horta do territorio, co obxecto de poñer en marcha parcelas experimentais da variedade de “Repolo de Bergantiños”. No acto de sinatura celebrado nas instalacións do CPR EFA Fonteboa en Coristanco, o GDR entregou a cada produtor os plantóns desta variedade de repolo segundo as cantidades solicitadas por cada un deles.


Os semilleiros para producir os plantóns foron realizados polos técnicos do CPR EFA Fonteboa, entidade coa cal os GDRs de Costa da Morte e Ordes manteñen un acordo de colaboración para o desenvolvemento e seguimento destas producións, no marco deste proxecto de cooperación.


Os campos de ensaio destes produtos levaranse a cabo nas explotacións de cada un dos produtores participantes, en parcelas debidamente identificadas mediante un cartel informativo facilitado polo Grupo a cada produtor.


Con estas parcelas preténdese asegurar a diversidade e resiliencia do patrimonio agrícola local, valorizando a riqueza xenética de produtos autóctonos, así como estudiar as aptitudes destas producións no territorio e as súas características organolépticas en comparación con variedades comerciais utilizadas habitualmente e a posibilidade de multiplicación para replicar estas producións noutras parcelas do territorio ou dos territorios do resto de Grupos participantes no proxecto de cooperación.


No proxecto “Paisaxes Intelixentes” participa o GDR Costa da Morte xunto con outros 4 GDRs galegos: Asociación de Desenvolvemento Ribeira Sacra - Courel; Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes; Asociación de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela e Asociación de Desenvolvemento Local Deloa.


Esta iniciativa pretende espertar un renovado interese na agricultura sostible e establecer un modelo a seguir para futuros esforzos de conservación nos territorios participantes.


 

> Departamento de comunicación do GDR Costa da Morte

Para máis información:

- 981 71 73 58 (Centraliña) - www.gdrcostadamorte.com -Twitter: @GDRCostadamorte - gdrcostadamorte.wordpress.com - Tamén podes visitar a nosa páxina en Facebook


Entradas destacadas
Entradas recientes
Archivo
Buscar por tags
Síguenos
  • Facebook Basic Square
  • Twitter Basic Square
  • Google+ Basic Square
bottom of page