O GDR Costa da Morte presentou en Baio os vídeos do proxecto “Tierra de Oportunidades 2025”
- Admin
- hace 14 minutos
- 2 Min. de lectura
Vimianzo 4 de decembro de 2025
O Centro Sociocultural de Baio acolleu o pasado 2 de decembro ás 19:00 horas o acto de presentación oficial dos vídeos do proxecto “Tierra de Oportunidades 2025 – Costa da Morte”, unha iniciativa impulsada pola Asociación Costa da Morte - GDR co financiamento de CaixaBank. O encontro reuniu a preto de 50 persoas, entre emprendedores, representantes institucionais e veciñanza interesada no desenvolvemento rural.
O xerente do GDR, José Antonio Vila García, foi o encargado de abrir o evento cunha benvida e unha breve explicación do proxecto “Tierra de Oportunidades” en Costa da Morte.
A continuación interveu Rafael Suárez Pais, en representación de CaixaBank, quen subliñou a aposta da entidade por iniciativas que promovan a dinamización económica e a creación de oportunidades no ámbito rural.
Seguidamente tivo lugar unha mesa redonda sobre axudas públicas, moderada por Dolores Pena Pena (representante de Afiprodel), na que participaron:
• Rosa Sánchez Martínez, ADL do Concello de Vimianzo
• Guillermo González Díez, xerente do GALP Costa da Morte
• José Antonio Vila García, xerente do GDR Costa da Morte
Durante o diálogo, analizáronse as oportunidades de financiamento existentes para proxectos emprendedores, así como os retos actuais do territorio en materia de desenvolvemento económico e social.
O momento central da xornada foi a presentación dos vídeos elaborados no marco do proxecto "Tierra de Oportunidades 2025", seguida dunha breve presentación dos seus protagonistas: Ana Trasariz, Casa da Marola, Despensa D’Lujo, Espazo Nature e Lar de Canedo. Os participantes compartiron as súas experiencias e reflexionaron sobre a importancia da innovación e do emprendemento no rural.
O acto pechouse coa intervención do presidente do GDR, Manuel Muíño Espasandín, agradecendo a colaboración de Caixabank para o desenvolvemento deste programa en Costa da Morte e na que destacou “o potencial transformador do emprendemento no noso rural e o compromiso da Costa da Morte co seu propio futuro”.
A xornada rematou cun espazo de conversa e un pequeno aperitivo que favoreceu o intercambio de ideas entre asistentes e protagonistas.
Con esta iniciativa, o GDR Costa da Morte continúa a súa labor de apoio ao tecido emprendedor e de difusión de exemplos inspiradores que contribúen ao desenvolvemento sostible da comarca.
Máis información en:








































Comentarios