ARRANCA A OITAVA EDICIÓN DA UNIVERSIDADE SENIOR NA COSTA DA MORTE
- Admin
- hace 6 días
- 2 Min. de lectura
Vimianzo 23 de xaneiro de 2026

A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, porá en marcha en 2026 a 8ª edición do Programa de Formación Universitaria Específico para persoas maiores da Costa da Morte. Esta iniciativa conta coa financiación da Xunta de Galicia e coa colaboración do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte e do Concello de Zas, e desenvolverase entre os meses de febreiro e marzo no Centro Sociocultural de Baio (Zas).
O prazo de inscrición, de carácter gratuíto, estará aberto do 23 de xaneiro ao 5 de febreiro. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición de maneira en liña, a través do espazo web da UDC Sénior Costa da Morte (https://universidadesenior.org/costa-da-morte/), ou presencialmente, a través dos Axentes de Desenvolvemento Local (ADL) dos concellos participantes.
O programa estrutúrase en tres módulos, compostos por sesións teóricas impartidas por profesorado da Universidade da Coruña. As sesións desenvolveranse dous días á semana, en horario de 17:00 a 19:00 horas, e abordarán unha ampla variedade de temáticas de interese social, cultural, científico e sanitario.
MÓDULO I: HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS
• 10 de febreiro – “O xigante esperto: China, a gran descoñecida”, do prof. Iván Nieto Cerdeiriña
• 11 de febreiro – “Arte de vangarda: manual de instrucións”, do prof. Fernando Agrasar Quiroga
• 24 de febreiro – “A xustiza penal en España: mitos e realidades”, da profa. Eva Mª Souto García e o prof. J. Antonio Ramos Vázquez
MÓDULO II: CIENCIAS DA TERRA E TECNOLOXÍA
• 3 de marzo – “A revolución dixital na xestión da auga”, do prof. Antonio J. Díaz Longueira
• 4 de marzo – “O coche do futuro moverase con hidróxeno?”, da profa. Socorro Castro García
• 10 de marzo – “Enerxías renovables e transición ecolóxica: o papel da cidadanía”, da profa. Lucía Paz Aldrey
MÓDULO III: CIENCIAS DA VIDA E DA SAÚDE
• 17 de marzo – “Cerebro: memoria, sono e rock and roll”, do prof. Casto Rivadulla Fernández
• 18 de marzo – “Evolución ou extinción: eu decido”, da profa. Esther Fernández Fernández
• 24 de marzo – “Cambio climático: causas, consecuencias e solucións”, do prof. Salvador Fojón Polanco
Con este programa, a Universidade Sénior reafirma o seu compromiso de achegar a formación universitaria ás persoas maiores de 50 anos das comarcas da Costa da Morte, dando resposta ás súas inquedanzas e necesidades formativas desde a primeira edición do programa, iniciada no ano 2018.
DESCARGAS_
MÁIS INFORMACIÓN_
> Axentes de Desenvolvemento Local da Costa da Morte
> T. 981708303- Ext 25


































Comentarios