Importante afluencia de entidades e cidadanía en Baio para a elaboración da estratexia LEADER 23-27



Vimianzo. 17 de novembro de 2022


O pasado martes 15 de novembro tivo lugar no Centro Sociocultural de Baio o Segundo Foro de Desenvolvemento Rural para a elaboración da estratexia do programa Leader. Esta reunión pecha o proceso de participación, que pretendeu reforzar a participación activa de institucións, entidades e cidadania da Costa da Morte. Nas cinco reunións celebradas ata o momento participaron máis de 110 persoas, que representaron os intereses do tecido social da Costa Morte.

O acto estivo presidido polo Presidente do GDR Costa da Morte, Manuel Muíño, alcalde de Zas, o cal deu a benvida ás cincuenta persoas que asistiron a esta reunión, ben en nome propio ou en representación de diferentes concellos ou entidades sociais. Participaron un número importante de empresas do territorio, asociacións veciñais, do ámbito social, comunidades de montes, asociacións de empresarios, asociacións de turismo e representantes municipais, entre outros.

O principal obxectivo desta reunión foi o de facer unha diagnose da situación actual do territorio, para integrar na elaboración da citada estratexia. O envellecemento da poboación, a dispersión poboacional e a falta na dotacións de servizos, son as principais problemáticas que se detectaron en todas as reunións que se celebraron. Deste xeito, problemáticas como o acceso ao transporte público, ás deficiencias no acceso ás novas tecnoloxías da comunicación, o acceso a infraestruturas e servizos básicos, a necesidade de profesionais especializados para o desenvolvemento de tarefas no ámbito agrogandeiro ou forestal, lastran a creación de novas empresas e a xeración de emprego. A isto súmaselle a necesidade de dignificar ao traballo de campo e favorecer unha maior integración e igualdade nas profesións do sector primario, así como noutros ámbitos sociais ou empresariais.

A última reunión do proceso de participación terá lugar o vindeiro 1 de decembro ás 18:00 horas de maneira virtual. Está previsto que sirva para contrastar e validar toda a información da diagnose realizada para a elaboración da estratexia, sentando tamén as bases para a definición dos obxectivos do vindeiro programa.


 

> Departamento de comunicación do GDR Costa da Morte

Para máis información:

- 981 71 73 58 (Centraliña) - www.gdrcostadamorte.com -Twitter: @GDRCostadamorte - gdrcostadamorte.wordpress.com - Tamén podes visitar a nosa páxina en Facebook


Entradas destacadas
Entradas recientes