Cohesión social e reto demográfico elementos clave para o desenvolvemento rural na Costa da Morte



Vimianzo. 15 de novembro de 2022


Representantes das entidades de inclusión social Aspadex, Aspaber, Cruz Vermella, Máis Porvir e Integro, participaron nun grupo de traballo para a elaboración da estratexia de desenvolvemento local do programa Leader 2023-2027 na sede desta última entidade no concello de Cabana de Bergantiños. Nesta reunión, á que asistiron tamén representantes políticos e técnicos de concellos da zona, fíxose unha diagnose sobre as principais necesidades do territorio, de cara a garantir un futuro máis igualitario e inclusivo.

As principais problemáticas detectadas relaciónanse coa escasa dotación de servizos á poboación, sobre todo no relacionado coa mobilidade, a infraestrutura tecnolóxica, ou os propios servizos ás persoas. É necesario apostar por unha maior integración das persoas con diversidade no ámbito laboral, pese ás barreiras ou limitacións que seguen tendo moitas entidades privadas, pero tamén públicas.

O illamento e o despoboamento describen a situación actual desta contorna rural, e para frear estas problemáticas considérase que é importante unha actuación integrada e colaborativa entre o tecido público e privado. A innovación é unha ferramenta que se pode aproveitar para frear o abandono, e para iso hai numerosas experiencias noutros ámbitos territoriais que poden servir como exemplo.

Durante a xornada de hoxe celebrarase no Centro Sociocultural de Baio o Segundo Foro de traballo para a elaboración do diagnóstico da estratexia. Nesta reunión haberá unha serie de mesas sectoriais de traballo, nas que se debaterán e poñerán en común os principais atrancos ao desenvolvemento e posibles propostas de mellora, que se perciben dende a óptica das entidades agrogandeiras e forestais, das entidades do ámbito cultural ou ambiental, do tecido empresarial e tamén das entidades do ámbito social.


 

> Departamento de comunicación do GDR Costa da Morte

Para máis información:

- 981 71 73 58 (Centraliña) - www.gdrcostadamorte.com -Twitter: @GDRCostadamorte - gdrcostadamorte.wordpress.com - Tamén podes visitar a nosa páxina en Facebook


Entradas destacadas
Entradas recientes