top of page

Terra Atlántica ofrece tres programas para impulsar a visibilidade e negocio das empresas asociadas



Baio, 29 de outubro de 2020


A marca territorio "Costa da Morte - Terra Atlántica" organizou este xoves 29 de outubro, entre as 19:30h e 20:30h, a xornada “Novos retos”, no Centro Sociocultural de Baio (Zas). Nela presentáronse distintos programas para acadar de maneira conxunta e baixo o paraugas da marca os obxectivos e metas das entidades integrantes.


En concreto, ofreceuse a posibilidade de desenvolver tres programas para impulsar a visibilidade e negocio das entidades socias. Un deles sería o programa “Saborea Terra Atlántica”, dirixido a entidades do sector primario e asociadas á venda de produto, así como a empresas de hostalaría e restauración. Consistiría, en liñas xerais, na dinamización do produto do mar e da terra da Costa da Morte a través de xornadas municipais de exaltación do produto da terra-mar, concursos de receitas populares, concursos de tapas Costa da Morte-Terra Atlántica, feiras e/ou foros que conxuguen o patrimonio inmaterial coa tradición gastronómica ou difusión dixital coa colaboración de persoas recoñecidas no sector.


Estaría complementada con “Respira Terra Atlántica”, centrado en empresas que oferten servizos para o sector terciario, así como as asociadas ao sector turístico. Incluiría actividades de turismo activo ou a ideación da Semana Terra Atlántica, que combinaría temáticas de turismo, deporte, patrimonio adaptadas a todo tipo de públicos.


Por outra banda, as empresas adheridas dedicadas ao comercio e ao sector servizos poderían contar con outro programa adicional, “Terra Atlántica Aberta”, que busca reforzar o consumo de produtos e servizos na Costa da Morte por parte da poboación do propio territorio. Podería levarse a cabo mediante distintas vías, como acordos ou convenios cos concellos e posta en marcha de fórmulas de xestión e apoio para dotarse dun servizo de información e asesoramento xeral; a través de certa homoxeneidade na imaxe e mobiliario das empresas, que inclúa a marca Terra Atlántica, ou mediante campañas de promoción conxunta de animación comercial e de publicidade.


8 retos estratéxicos


Nesta xornada o GDR Costa da Morte, que impulsa a marca, abordou conxuntamente coas empresas a identificación dos retos estratéxicos da marca e as posibilidades de colaboración das empresas para alcanzalos. Tras a reunión, sinaláronse oito grandes desafíos:


1.- Asentar e consolidar ás marcas adheridas nos mercados de proximidade.

2.- Conseguir que penetren en novos mercados.

3.- Reducir custos e riscos en xeral, e en particular, en novas aventuras de comercialización que se desexen emprender.

4.- Estudar e coñecer mercados aos que se desexe acceder.

5.- Mellorar e completar a gama de ofertas da empresa.

6.- Ampliar a rede de distribución.

7.- Implantar o negocio noutros mercados externos.

8.- Acadar unha maior difusión e coñecemento dos produtos e servizos existentes na Costa da Morte.


Cinco novas adhesións


No encontro tamén se constatou o crecemento paulatino da marca, que sumou cinco novas empresas socias de distintos sectores, desde o agroalimentario ata o industrial. As novas incorporacións son a "Cooperativa agrogandeira Coreber"; "Hotel Cabo Sport" e "Casa A Pichona" do ámbito hosteleiro; a empresa de comunicación e eventos "Dime Sí Quiero" e a química industrial "Savelo". En total, a marca Terra Atlántica conta xa con 45 empresas socias nos 17 concellos que conforman a Costa da Morte.


 

MÁIS INFORMACIÓN: >Terratlantica

Entradas destacadas
Entradas recientes
Archivo
Buscar por tags
Síguenos
  • Facebook Basic Square
  • Twitter Basic Square
  • Google+ Basic Square
bottom of page