Presentación do proxecto "Comedores Responsables km 0" en Zas
- Admin
- 23 oct
- 2 Min. de lectura
Vimianzo, 23 de outubro de 2025
O GDR Costa da Morte celebrou en Zas o encontro local do proxecto “Comedores Responsables KM 0” cunha ampla participación e interese na iniciativa.
O Concello de Zas acolleu onte, martes 21 de outubro, o Encontro Local do proxecto “Comedores Responsables KM 0”, unha iniciativa promovida pola Consellería do Medio Rural e impulsada por oito Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia, que ten como obxectivo fomentar unha alimentación máis saudable, sostible e de proximidade nos comedores de colectividades.
O acto contou coa presenza de José Antonio Vila García, xerente do GDR Costa da Morte, xunto con Rocío García Carregal e Jesús de la Fuente Blanco, responsables da asistencia técnica do programa.
Durante a súa intervención, José Antonio Vila García destacou “a excelente acollida que está a ter esta iniciativa na nosa comarca, o que reflicte o compromiso crecente de concellos, produtores, centros educativos e comedores de colectividades por avanzar cara a un modelo alimentario máis responsable e ligado ao territorio”.
Engadiu ademais que “desde o GDR Costa da Morte traballamos para acompañar este proceso, conectando ás persoas e entidades que fan posible que o consumo de produtos locais sexa unha realidade nos comedores galegos”.
Sinalar que o encontro contou cunha notable participación de representantes municipais, produtores e responsables de comedores escolares, que aproveitaron a xornada para coñecerse, compartir experiencias e establecer posibles liñas de colaboración de cara ao futuro.
Destacar que o proxecto “Comedores Responsables KM 0” ten como finalidade favorecer o consumo de produtos locais e de tempada, reducir a pegada ecolóxica e impulsar o desenvolvemento rural a través da compra pública alimentaria sostible.
Ademais, inclúe accións formativas, encontros territoriais e acompañamento técnico para facilitar a incorporación destes criterios nos comedores escolares e sociais.
O GDR Costa da Morte, entidade que forma parte desta rede, está composto por 17 concellos: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.
Este proxecto está impulsado por oito Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia (GDR), que agrupan 86 concellos e preto de 710.000 habitantes:
GDR 04 Comarca de Lugo
GDR 05 Miño Ulla
GDR 08 Sil Bibei Navea
GDR 11 Adercou
GDR 16 Pontevedra Norte
GDR 19 Terras de Compostela
GDR 21 Comarca de Ordes
GDR 22 Costa da Morte
Deste xeito, o programa continúa a súa expansión polo territorio galego, reforzando a idea de que comer ben tamén é educar en valores, apoiar o rural e construír un futuro máis sostible para Galicia.
> Departamento de comunicación do GDR Costa da Morte
Para máis información:
- 981 71 73 58 (Centraliña)
-Twitter: @GDRCostadamorte
- Tamén podes visitar a nosa páxina en Facebook




































Comentarios