"Costa da Morte - Terra Atlántica" participa nas "Jornadas Viajeras de Galicia".
Tiveron lugar a fin de semana pasada no Museo MARCO, en Vigo.
A inauguración estivo a cargo de Nava Castro, Directora de Turismo de Galicia.
Organizadas por Galicia TB, entre o público das Jornadas atopábanse profesionais de viaxes e turismo de toda España.
Vigo, 10 de xuño de 2019. A fin de semana pasada o Museo MARCO de Vigo acolleu a segunda edición das "Jornadas Viajeras de Galicia", organizadas por Galicia Travel Bloggers (Galicia TB). O encontro, que foi inaugurado por Nava Castro, Directora de Turismo de Galicia, transcorreu nun formato con distintas charlas, mesas redondas e relatorios de profesionais de viaxes e turismo. A marca ‘Costa da Morte – Terra Atlántica’ foi convidada para presentar o proxecto, o cal despertou grande interese entre os asistentes. Impulsada polo GDR Costa da Morte, esta iniciativa para a creación dunha marca territorio busca consolidar e potenciar a identidade da zona, en base ao reforzo e á distinción da produción local, baixo uns parámetros de calidade e valor diferencial. Pretende distinguir, visibilizar e consolidar no mercado os produtos ou servizos de empresas da Costa da Morte. A participación neste evento forma parte das accións de promoción previstas para este 2019, que seguirán a desenvolverse durante todo o verán e culminarán nun acto central de presentación pública da marca, que terá lugar a comezos de outono.