Asociación de Desenvolvemento da Costa da Morte
Obter Adobe Flash player
Precízase ter javascript activado e Adobe Flash Player instalado, para visualizar correctamente esta páxina.

Programa Leader 2007-2013

Que é o LEADER?

O LEADER é o conxunto de medidas do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2007-2013 que se executa baixo metodoloxía LEADER (Ligazóns Entre as Actividades de Desenvolvemento da Economía Rural). Esta metodoloxía vén sendo impulsada pola Unión Europea desde 1991 para descentralizar as políticas de desenvolvemento rural, de xeito que o territorio rural deixe de ser un simple destinatario destas políticas para converterse en protagonista do seu propio desenvolvemento.

En Galicia, nos períodos 1991-1994, 1994-1999 e 2000-2006, ademais de aplicarse os programas das propias Iniciativas Comunitarias LEADER (LEADER, LEADER II e LEADER +), leváronse a cabo outros programas coa mesma metodoloxía que, por ter distintas fontes de financiamento, levaron distintos nomes, como PRODER, PRODER II ou AGADER, de xeito que no período 2000-2006 estivo cuberto todo o territorio rural galego con estes programas.

Que Non é o Programa LEADER?

  • Non é unha cantidade de diñeiro para “repartir mais ou menos equitativamente” entre tódolos concellos que forman a zona LEADER.
  • Non é unha liña mais de subvencións ordinarias, con unha ventaíña en donde pasivamente se recollen solicitudes e se tramitan expedientes.
  • Non é un programa que financie un conxunto de iniciativas desligadas, que non gardan relación entre sí, sin perseguir un obxetivo de desenvolvemento común.
  • Non é un programa de Turismo Rural, aínda que o Agroturismo si sexa unha das accións posibles a desenvolver contempladas no programa.
  • Non é un programa que financie infraestructuras, nin grandes obras municipais, nin arregla carreteras, nin instala o alumeado público,… aínda que si poda provocalo.

Cal é a METODOLOXÍA LEADER?

O elemento esencial da metodoloxía LEADER é que se trata de “procesos de abaixo cara a arriba”. A estratexia ou programa de desenvolvemento defínese no ámbito local ou comarcal e as decisións, liñas que se propoñen, proxectos que se financian..., son tomadas nese mesmo ámbito por unións (partenariados) de axentes públicos e privados, os chamados Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR). Implica unha formulación multisectorial, tanto na dimensión económica, non só o sector primario, como no resto de dimensións sociais: equipamentos, servizos e dotacións públicas, patrimonio cultural, medioambiente, relacións sociais....
Incorpórase a innovación como un elemento relevante, non entendida unicamente como elemento tecnolóxico, senón como novos xeitos de enfrontar os procesos no territorio, a solución de problemas, a participación e implicación da poboación, a satisfacción das necesidades... Un último elemento definitorio da metodoloxía LEADER é o traballo en rede e a cooperación entre territorios xa que a aposta por un medio rural vivo pasa por establecer alianzas entre os distintos territorios rurais.

Como funcionan os GDR?

O Grupo de Desenvolvemento Rural elabora unha estratexia de desenvolvemento comarcal. Nela inclúense cales son as principais posibilidades, oportunidades e necesidades do seu territorio do punto de vista produtivo, económico, dotacional, social etc. Esta estratexia preséntase á convocatoria do programa para o período 2007-2013 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), ente público xestor do programa LEADER en Galicia.

O grupo conta cunha estrutura técnica que se dedica ao labor de dinamización, mobilización e promoción para aplicar a estratexia deseñada para ese territorio co obxectivo de que xurdan proxectos que se poidan financiar ao abeiro do programa. É o propio GDR quen se encarga de analizar e valorar os proxectos e, en función diso, o seu órgano directivo atribúe unha porcentaxe da axuda, partindo duns criterios predefinidos. A decisión trasládase a AGADER que, logo de revisar que a atribución do GDR se axusta á normativa, resolve a concesión da axuda.

As subvencións LEADER

Calquera persoa física ou xurídica que promova un proxecto no ámbito de actuación dun Grupo de Desenvolvemento Rural pode solicitar unha subvención. Os promotores non precisan formar parte do GDR para obter financiamento do programa LEADER. O que se debe ter en conta é que en función do proxecto pode haber restricións adicionais que recolle a normativa de aplicación (ex: para os proxectos de natureza económica exclúense as grandes empresas).

A valoración do GDR determinará a porcentaxe de subvención para cada proxecto. Así e todo, para os proxectos de natureza produtiva – os que se destinan a producir bens ou prestar servizos orientados ao mercado – non han superar nunca o 50% de axuda pública. Pola contra, os proxectos de natureza non produtiva – os que se destinan á prestación de servizos públicos gratuítos, a dotacións ou a mellorar a calidade de vida no rural – poden chegar a acadar o 100% do financiamento, aínda que como norma xeral o promotor sempre deberá facer algunha achega.

RESULTADOS DO PROGRAMA LEADER GALICIA 2007 - 2013


A Asociación Costa da Morte-GDR (que abarca os concellos de Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas), abriu o prazo de solicitude de axudas do Programa Leader 2007-2013 o 04/12/2009 e pechouse o 30/03/2015.

O programa remata o 30/11/2015. Aprobáronse en firme e están executados e certificados 95 expedientes cunha inversión que supera os 9.516.684 €. A subvención recibida por estes proxectos ascendeu a 4.134.925,68€.

Consolidáronse 218 empregos e creáronse mais de 80. A achega privada acadou os 5.374.165,89€ (un 155,38% sobre o total da estratexia).

Os proxectos Non Produtivos recibiron axuda por importe de 558.843,32€ (un 16,15% s/estratexia) e os Produtivos o 83,85% do total da estratexia. Destinouse a Gastos de Funcionamento o 15,55% s/estratexia (máximo permitido o 16%) e o 4% estipulado para Promoción Territorial.

O nivel de execución ao longo dos 6 anos foi o seguinte: 2010 (84,79%), 2011 (97,81%), 2012 (99,56%), 2013 (97%), 2014 (97,95%) e 2015 (100%), co que o nivel medio de execución foi do 96,51%.

GRAZAS A TODOS OS EMPRENDEDORES QUE DECIDIRON CRER NO RURAL.


Listaxe de descargas

Asociación de Desenvolvemento da Costa da Morte | © by Abertal

R/A Torre, s/n – Edificio Servicios Múltiples - 15129 - Vimianzo (A Coruña) - Blog
T:981 717 358 -F:981 717 208 -E-mail: gdrcostadamorte@gdrcostadamorte.com